Thursday 16 de May de 2024

Concello e Augas de Galicia avanzan na legalización da captación de auga no río Vilacoba e no proxecto de mellora da ETAP de Noia


 

O alcalde de Noia e o concelleiro de Obras reuníronse coa directora xeral de Aguas de Galicia

O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o concelleiro de Obras, Martín Fernández, mantiveron unha reunión coa directora xeral de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e técnicos da Consellería de Medio Ambiente para avanzar en tres puntos: a legalización da captación de auga do río Vilacoba na Albariza, a licitación do proxecto de mellora da ETAP de Noia e a contratación da redacción do Plan Director de Saneamento.

Santiago Freire destaca que “seguimos avanzando na legalización da captación de auga na Albariza, feita hai trinta anos e que supón o último escollo para poder ter o informe favorable que nos permita aprobar o Plan Xeral, e definimos o proxecto para a mellora da ETAP de Noia”. Neste sentido, o alcalde noiés explica que “fíxose un proxecto para mellorar a potabilizadora e nel presentáronse varias alternativas, das que nesta reunión definimos a máis viable. Deste xeito, nas próximas semanas poderase rematar o proxecto construtivo e sacar as obras a licitación”.

O alcalde noiés sinala que con estas obras para a mellora da ETAP de Noia “estamos falando dun convenio asinado no 2016. É certo que pasou moito tempo pero xa está a piques de materializarse”. Porén, o Concello xa ten realizado en xaneiro varias melloras na instalación para mellorar o servizo que lle presta á veciñanza e rematar cos problemas de turbidez que se producen nalgunhas épocas. Así, renovouse o filtro número 2, cambiáronse as crepinas, renováronse as areas de diferentes granulometrías específicas para o tratamento da auga e procedeuse a un reforzo estrutural da ETAP.

Plan Director

Finalmente, na reunión deuse conta da próxima adxudicación da redacción do plan de saneamento de Noia, actualmente en fase de licitación por Augas de Galicia por un importe de 201.750,90 euros (IVE incluído). As propostas das empresas interesadas están a día de hoxe na mesa de contratación, polo que se agarda que a adxudicación se produza en próximas datas.

“Con este plan director poderemos identificar e corrixir todos os problemas que presenta a rede de saneamento e abastecemento de Noia, ademais de evitar vertidos”, explica Santiago Freire, quen destaca que “unha vez finalizado ese estudo, definiremos as actuacións prioritarias porque a estimación para arranxar toda a rede e a nova depuradora ímonos a dez millóns de euros. É algo que o Concello non pode acometer so polo que necesitaremos da colaboración doutras institucións”.

Neste sentido, Freire pon como exemplo a propia redacción do Plan Director, “pois conseguimos que se vaia facer a través de fondos Interreg e non teña que asumilo o Concello de Noia. A día de hoxe xa se colocaron caudalímetros e se fixeron valoracións do estado da rede e dos bombeos sobre os que hai que actuar, que ademais de ser a base do proxecto que está en licitación tamén nos serve a nós para facer pequenas actuacións de mellora dende o Concello”.